Grupos Lestonnac

     

Os Grupos Lestonnac son grupos cristiáns de participación voluntaria, dentro do ámbito extraescolar nos centros Educativos da Compañía de María, desde 5º de Educación Primaria. Pretenden, desde o Proxecto Educativo e a Espiritualidade da Compañía de María, axudar aos nenos/as, adolescentes e mocidade a atopar o sentido da súa vida en Xesús e nos valores do Evanxeo, ofrecéndolles alternativas que contribúan ao crecemento da súa Fe, á elección de vida e á inserción na comunidade eclesial e a participar na sociedade.

 

Tanto o Voluntariado como Grupos Lestonnac son en realidade unha única oferta. Dado que o proceso de grupos Lestonnac baséase, especialmente en ESO e Bach., nun itinerario que desemboca na implicación en actividades de voluntariado por parte dos rapaces máis maiores.

A opción educativa dos Grupos Lestonnac céntrase en:

A PERSOA: Centro de toda a acción educativa, contribuíndo ao desenvolvemento de todas as súas capacidades por medio dunha educación integral e integradora.
O GRUPO: Unha educación que se fai con outros desde unha vivencia conxunta e complementaria, potenciando a participación, o diálogo, a acollida, o traballo en equipo, a cooperación e a corresponsabilidade.
O ACOMPAÑAMENTO: á persoa no crecemento persoal, na apertura á transcendencia e posterior camiño da fe, desde o respecto á liberdade persoal.
O TEMPO LIBRE: Unha educación que vai máis aló da aula, do académico, buscando outros espazos e tempos educativos que favorezan a educación integral.
A SOLIDARIEDADE, RESPONSABILIDADE SOCIAL E O DESENVOLVEMENTO: que leve aos participantes a implicarse na construción dun mundo máis xusto e mellor para todos e coidando o planeta.

Os grupos Lestonnac son unha forma de acompañar aos rapaces e rapazas seguindo as orientacións do Proxecto de Pastoral Xuvenil da Compañía de María. Temos como fin principal a transmisión de valores e actitudes que fagan posible a maduración persoal e social dende o punto de vista da fe cristiana.

Reunímonos dúas veces ao mes no Colexio, os martes de 14:30 a 15:30.
Ao longo do ano facemos moitas actividades: dinámicas de grupos para traballar a educación en valores, sesións de interioridade, participación nas campañas solidarias do centro, celebracións, xogos ou gimkanas.

Para compartir as nosas experiencias cos compañeiros de outros colexios da Compañía de María de Galicia, tódolos anos realizamos dous momentos de convivencia conxunta. Unha a comezo do curso e outra en xuño.

Se queredes estar ao día das actividades de Grupos Lestonnac en Galicia, podedes visitar o noso Blog.

http://gruposlestonnacgalicia.blogspot.com/