Encontros de voluntariado

Moi boas: escribimos estas liñas porque continúan os Encontros do voluntariado do colexio e xa imos polo IV Encontro.

No seu momento relatamos o fermoso encontro con Marisa Rodríguez nunha crónica realizada por unha das persoas presentes no acto.

Agora aproveitamos para falarvos de tres novos encontros, celebrados no último mes e con invitados do máis interesante:

  • O 19 de novembro visitounos César, do Banco de Alimentos “Rías Altas”, quen nos explicou todo o traballo que están desenvolvendo e achegounos a esa realidade que di que o 20% das persoas de Galicia están a vivir cuns ingresos por debaixo do umbral da pobreza. Grazas, César!
  • O 6 de decembro, o día que celebramos o 40 aniversario da chegada da liberdade a España, reunímonos con Ehsan Ullah Khan, activista paquistaní que leva máis de 40 anos traballando pola abolición da escravitude infantil. Contounos como comezou a súa loita, a historia de Iqbal Masih e das ducias de milleiros de nenos e nenas que sacou dos talleres escravos e levou á escola. Soubemos da súa dor por estar exiliado en Suecia dende 1995 e coñecemos a relación que existe entre o noso modelo de consumo e a escravitude infantil. Duro encontro, pero fermosísimo. Grazas, Ehsan!
  • O 13 de decembro encontrámonos con Ángeles Goas, excelente contacontos que nos achegou a historias reais de Galicia, dende Toñito, ese emigrante galego que marchou “co posto” a Suíza nos anos 60 do século XX, a Xulia, muller que sufriu maltrato por parte do seu home, pero que foi quen de saír adiante coa axuda de persoas da comunidade en que vivía, nunha pequena aldea do rural galego.  Polo medio moitas historias que falan do noso pasado e o noso presente, todas emocionantes, algunhas divertidas e outras non, pero que encheron os corazóns dos presentes de gañas de loitar pola xustiza. Grazas, Ángeles!

Como estamos moi contentos con estes encontros, seguiremos nesta liña de achegar novos testemuños ás nosas voluntarias e voluntarios, que seguen co seu labor calado e comprometido en distintas institucións da cidade.