Xornada da Ciencia en Galego

O día 20 de decembro tivo lugar a Xornada de Ciencia en Galego, na que celebramos e reivindicamos a nosa lingua como vehículo idóneo para as materias científico-técnicas e para a ciencia en Galicia en xeral.

 

A organización

Os monitores e monitoras, alumnado de 1º a 4º ESO, traballaron na organización e desenvolvemento deste día que xa forma parte da nosa tradición. Ademais da rapazada de 1º, 2º e 3º ESO pertencente ao EDLGal, contamos coa colaboración doutros dous alumnos, Julia e Pablo que nos axudaron moito. Tampouco podemos esquecer a nosa estrela convidada, Manuel Porto, de 1º bach, que expuxo o seu premiado invento para o control e aforro de auga na ducha.

En canto ao profesorado, este ano o equipo tivo unha baixa, Isabel, a quen achamos moito de menos, pero viuse reforzado por dúas altas moi entusiastas e colaboradoras: Rebeca -a profesora de latín- e Bea -de inglés-. Asemade, Patricia e Bea López (entre as dúas cobren os dptos. de matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), malia a non pertenceren ao EDLG, tamén arrimaron o ombro e fixeron posible que a xornada saíse adiante. Parece unha parvada, pero ao final este proxecto pon en funcionamento da orde de 25 persoas, contando só as que participan de xeito directo.

Por último, o profesor Salvador Bará, das facultades de Física e Óptica e Optometría, visitounos e pasou polas aulas de 3º ESO expoñendo brevemente o problema da contaminación luminosa e ofrecendo ao alumnado a posibilidade de facer Ciencia auténtica, mediante proxectos de ciencia cidadá como o de Globe at Night, nos que a cidadanía pode achegar datos preciosos para diversas investigacións científicas, sobre todo nestes tempos incribles nos que os investigadores/as están poñendo parte do seu salario para poder investigar, por falta de investimentos.


A quen ía dirixido

Todo isto, en principio, estaba pensado para convidar o alumnado de 3º ESO a celebrar e reivindicar que temos unha lingua perfectamente válida para facer ciencia ao máis alto nivel, así como para impartir calquera materia de ciencias. Mais, ademais deles, tamén nos acompañou alumnado de 1º de bach e 2º de bach para lembrar vellos tempos e coñecer o invento de Manuel Porto.

 

Para visualizar as fotos e o artigo ao completo, premede nesta ligazón a Web do EDLG Aí falaches!