Ed. Infantil

A finalidade primordial da Educación Infantil é estimular o desenvolvemento físico, intelectual, afectivo, social e moral dos nenos e nenas.

Está constituída por un ciclo de tres anos académicos, que se cursarán desde os tres aos seis anos de idade.

   

 

ÁREAS

A Educación Infantil organízase en tres áreas:

Coñecemento de si mesmo/a e autonomía persoal

  • Formarse unha imaxe axustada e positiva de si mesmo/a a través da interacción cos outros e da identificación gradual das propias características, posibilidades e limitacións, desenvolvendo sentimentos de autoestima e autonomía persoal.
  • Coñecer e representa-lo seu corpo, os seus elementos e algunhas das súas funcións, descubrindo as posibilidades de acción e de expresión, e coordinando e controlando cada vez con maior precisión xestos e movementos.
  • Identifica-los propios sentimentos, emocións, necesidades ou preferencias, e ser quen de denominalos, expresalos e comunicárllelos ós demais, identificando e respectando, tamén, os dos outros.
  • Realizar, de xeito cada vez máis autónomo, actividades habituais e tarefas sinxelas para resolver problemas da vida cotiá, aumentando o sentimento de autoconfianza e a capacidade de iniciativa, e desenvolvendo estratexias para establece-las súas necesidades básicas.
  • Progresar na adquisición de hábitos e actitudes relacionados coa seguridade, coa hixiene e co fortalecemento da saúde, apreciando e gozando das situacións cotiás de equilibrio e benestar emocional.

Coñecemento do contorno

  1. Observar e explorar de forma activa o seu contorno amosando interese polo seu coñecemento.
  2. Relacionarse cos compañeiros, compañeiras e cos adultos do seu contorno próximo, interiorizando progresivamente as pautas de comportamento social e axustando a súa conduta a elas.
  3. Iniciarse no coñecemento de distintos grupos sociais próximos á súa experiencia, algunhas das súas características, producións culturais, valores e formas de vida, xerando actitudes de confianza, respecto e aprecio.
  4. Iniciarse nas habilidades matemáticas, manipulando funcionalmente elementos e coleccións, identificando de maneira moi sinxela algúns dos seus atributos e calidades.
  5. Coñecer e valorar algúns dos compoñentes básicos do medio natural e algunhas das súas reaccións, cambios e transformacións desenvolvendo, progresivamente, actitudes de coidado, respecto e responsabilidade na súa conservación.

Linguaxes: comunicación e representación

  1. Comezar a utiliza-la lingua como instrumento de comunicación, de representación, aprendizaxe e gozo, de expresión de ideas e sentimentos, e valora-la lingua oral como un medio de relación cos demais e de regulación da convivencia.
  2. Expresar emocións, sentimentos, desexos e ideas mediante a lingua oral e a través doutras linguaxes.
  3. Comezar a comprende-las intencións e mensaxes doutros nenos, nenas e adultos, adoptando unha actitude positiva cara á lingua, tanto propia coma estranxeira.
  4. Iniciarse na lectura de imaxes mediante a manipulación de debuxos, carteis, gravados, fotografías…, que acompañan aos textos escritos, comezando a atribuírlles un significado.
  5. Iniciarse na exploración e a utilización de materiais, instrumentos e soportes propios da linguaxe escrita.
  6. Achegarse ó coñecemento de obras artísticas expresadas en distintas linguaxes e realizar actividades de representación e expresión artística mediante o emprego de diversas técnicas.
  7. Iniciarse no uso oral dunha lingua estranxeira para comunicarse en actividades dentro da aula, e amosar interese e gozo ó participar nestes intercambios comunicativos.